Sunday 05 de May de 2024

Tapeando Carral, o concurso para ir abrindo boca e impulsar o consumo no tecido hostaleiro antes do Nadal


• O certame levarase a cabo do 6 ao 10 de decembro e, no mesmo, participarán 12 establecementos de todo o municipio.

O Concello lanza unha nova edición do seu concurso Tapeando Carral, unha iniciativa coa que o goberno local busca un claro obxectivo: impulsar o consumo no tecido hostaleiro e dar a coñecer a ampla oferta do municipio. A iniciativa levarase a cabo entre o mércores, 6 de decembro, e o domingo, día 10, e contará coa participación de 12 locais que farán as delicias do público asistente.

O goberno local confía en que o certame acade unhas cifras de participación similares ás das edicións anteriores: “esperamos que haxa a mesma afluencia que nos últimos anos e que a medida sexa, unha vez máis, un revulsivo para promover o consumo nos establecementos, dándolle así máis vida ao pobo”.
Nesta ocasión, o certame municipal contará coa participación dos seguintes negocios: Boca Grande, Pizzería Centro, Bar Tropezón, Bar Adolfo, Vinoteca A Taberna XXI, Dopincho, Bodega O Alprende, Solpor, Bar Roel, O Lareiras, A Parola e Costa da Egoa.

O concurso levarase a cabo entre o mércores, 6 de decembro, e o domingo, día 10. O mércores, as elaboracións dos participantes poderán degustarse desde as 12.30 horas e o domingo, estarán dispoñibles só ata as 15.30 horas. O resto de días, o público poderá probar as receitas entre as 12.30 e as 15.30 horas e as 20.00 e as 23.00 horas.

Como en anteriores edicións, haberá premios tanto para os locais participantes como para os propios comensais. Por unha banda, os establecementos poderán optar ao premio á Tapa Máis Popular (elixida polos propios clientes) e ao de Mellor Tapa (neste caso, será un xurado profesional o que outorgue o galardón). Pola outra, unha vez que o cliente acade un número mínimo de selos diferentes terá a posibilidade de facerse tamén con agasallos e recompensas. Neste caso, a persoa terá que cumprir o cupón cos diferentes selos e depositalo nas furnas que estarán situadas nos negocios. O sorteo terá lugar o venres, 15 de decembro, a partir das 9.00 horas.

O concurso realízase en colaboración coas empresas Estrella Galicia, Grupo Bodegas Olarra, Petroni, Eladio Otero e Azpilicueta.